FSIE 40 años

O mércores 3 de outubro, o Ministerio de Educación convocou ás organizacións sindicais a unha reunión para traballar sobre o "Proxecto de Real Decreto por el que se regulan las condiciones de cualificación y formación que deben poseer los maestros de los centros privados de Educación Infantil y de Educación Primaria".

Este Proxecto de Real Decreto xa fora informado pola Permanente do Consello Escolar antes do verán. Nesta Permanente están presentes os sindicatos FSIE, UGT e CCOO. O 27 de xullo deuse traslado do ditame a todos os membros do Pleno ó que pertence USO. Na reunión, todos os sindicatos fóra de FSIE manifestaron que non coñecían o Proxecto de Real Decreto e que o recibiron escasos días antes do 3 de outubro.

Na Permanente do mes de xullo, FSIE trasladou ó Director Xeral do Ministerio de Educación o seu malestar por presentar perante o Consello Escolar unha norma que, afectando directamente ós profesionais do ensino concertado e privado, non fora debatida nin coñecida no seo da mesa sectorial do ensino concertado. FSIE esixiu, nesa reunión, ó Ministerio de Educación que calquera norma que tivese incidencia sobre o sector debería ser traballada con anterioridade na mesa de negociación e despois trasladada ó Consello Escolar. Esta mesma petición realizouna FSIE o día 3 de outubro.

En relación ó Proxecto de R.D. espuxemos, entre outras, as seguintes achegas:

· É un bo Decreto desde o momento que o seu obxectivo é recoñecer ós docentes que estiveron traballando e o fan actualmente as titulacións e requisitos necesarios para que poidan seguir impartindo docencia. O obxectivo é recoñecer todo o que hai e que ninguén perda dereitos.

· A Disposición adicional primeira refírese á prórroga da actividade docente só para os mestres que reunían os requisitos establecidos na Orde do 94. A Orde do 94 di: "Os Profesores que posúan un título que sancione ensinanzas universitarias dunha duración igual ou superior á de Mestre..."Polo tanto, debería substituírse "mestres" por "profesores".

· A Disposición adicional segunda non contempla ós profesionais que superaran un curso de adaptación ó posto de traballo. Pois realizáronse convocatorias de cursos de formación do persoal que realiza os seus servizos no Primeiro ciclo de Ed. Infantil sen a titulación esixida (Técnico Superior ou Mestre Infantil) para a adaptación ó seu posto de traballo. 
Polo tanto non só debe referirse a que estean habilitados, o concepto a engadir pode ser "acreditados" (ou "facultados"); ademais non debe restrinxirse temporalmente á entrada en vigor do R.D pois poden realizarse "acreditacións" despois.

· Hai cuestións que poden non estar suficientemente cubertas xa que nas Comunidades Autónomas hai diferenzas. Por exemplo non se recolle que o reforzo educativo en Secundaria estea a ser impartido por mestres.

· A Disposición adicional cuarta no que se stablece o calendario para poder esixir a cualificación de B2 para impartir as ensinanzas de E. Infantil e E. Primaria nunha lingua estranxeira en centros plurilingües, curso 2013/2014, é moi rigoroso. No noso sector é unha medida que pode ter repercusións laborais negativas ocasionando a redución de horario e mesmo o despedimento de profesores que carezan desta titulación. Por iso FSIE espuxo que ha de establecerse un procedemento polo que as administracións e as empresas faciliten a adquisición do B2 ó profesorado e cun tempo razoable para iso.

· Estas medidas e calquera outra incidencia que puidese ser detectada no tempo, xa que cada Autonomía aplica de forma diferente, deben ser resoltas no marco da mesa sectorial do ensino concertado que aínda non foi convocada por parte do Ministerio de Educación despois de 9 meses.

Ver Texto do Proxecto de R.D.

 FaceBook Dia Mundial do Docente

Temos 227 anónimos e ningún membro en liña