FSIE 40 años

(LA VOZ DE GALICIA, 14-12-2011)


O cumprimento das condicións dos concertos educativos con colexios privados, con especial atención tanto ás aulas como ós requisitos de acreditación que debe reunir o profesorado será durante este curso unha das liñas prioritarias da inspección educativa. Así o recolle o Plan Xeral de Actuación da Inspección Educativa, que fixa outras prioridades como a supervisión de todos os programas estrela postos en marcha polo actual Goberno como o Abalar, as seccións bilingües, os centros plurilingües ou os contratos programa.


Estes plans prioritarios fíxanse cada ano en función das necesidades existentes e dos obxectivos que programara a Consellería, de aí a importancia que dá ó seguimento e á supervisión dos novos programas da Xunta que potencian as linguas estranxeiras e mais as novas tecnoloxías.


Entre as tarefas da inspección figuran, amais destas actuacións prioritarias, unha serie de tarefas habituais que teñen que ver co absentismo do profesorado e mais do alumnado, expedientes disciplinarios, avaliación da función directora ou a participación na selección de directores e dos catálogos do profesorado.


Avaliación a 40.000 alumnos


A Lei Orgánica de Educación establece a obriga de realizar unha avaliación das capacidades do alumnado, proba que en Galicia se aplicou por primeira vez no 2009. Este curso farase en maio, e ela participarán os estudiantes que cursen cuarto de primaria e segundo de secundaria, uns 40.000. A primeira delas terá lugar os días 23 e 24 de maio do 2012; e a de secundaria o 9 e 10 de maio. As competencias que se medirán serán a comunicación lingüística, a competencia matemática e o coñecemento e interacción co mundo físico. A proba permite facer unha avaliación do nivel do alumnado, e, unha vez obtidos os resultados, os centros deben establecer medidas de mellora nos aspectos nos que se requira. A inspección educativa tamén asesorará ós centros sobre estas medidas.
 

Temos 66 anónimos e ningún membro en liña