FSIE 40 años

DIADISCAPACIDADFSIE ESIXE ÁS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS UN ESFORZO DE INVESTIMENTO PARA GARANTIR A ATENCIÓN ÁS PERSOAS CON DISCAPACIDADE
 
No Día Internacional das Persoas con Discapacidade, FSIE quere que, neste día, tomemos conciencia e promovamos medidas orientadas cara á mellora da situación das persoas con discapacidade e á consecución da igualdade de oportunidades para elas, fomentando unha maior integración na sociedade.
 
Ao redor dun 15% da poboación mundial, aproximadamente mil millóns de persoas, viven con algún tipo de discapacidade.
 
O público en xeral e as instancias decisorias descoñecen, con frecuencia, o gran número de persoas que padecen discapacidades e deficiencias en todo o mundo, e os problemas que han de afrontar na súa vida diaria. Desde FSIE, queremos promover a toma de conciencia sobre a magnitude e as consecuencias desta situación.
 
FSIE quere chamar a atención sobre a necesidade de desenvolver os dereitos e o benestar das persoas con discapacidade e pretende tamén realizar un traballo de sensibilización sobre as vantaxes que poden derivarse da integración das persoas con discapacidade en todas as facetas da vida.
 
FSIE quere fomentar: o respecto á dignidade inherente, a autonomía individual, a independencia das persoas, a non discriminación, a participación e inclusión plenas e efectivas na sociedade, o respecto pola diferenza e a aceptación das persoas con discapacidade como parte da diversidade e a condición humanas, a igualdade de oportunidades, a accesibilidade, a igualdade entre o home e a muller, o respecto á evolución das facultades dos nenos e as nenas con discapacidade e do seu dereito a preservar a súa identidade.
 
FSIE esixe o cesamento inmediato dos recortes que están a afectar ás políticas de apoio á integración das persoas con discapacidade e que supoñen un serio retroceso nos tímidos avances conseguidos ao longo dos últimos anos. Os recortes impostos polos distintos gobernos (central, autonómicos e locais) están a provocar atrasos e falta de pagamentos a entidades asociativas que realizan servizos de atención ás persoas con discapacidade. Isto produce inevitablemente unha deterioración da calidade da atención e, nalgúns casos, a desaparición da prestación do servizo.
 
A crise económica incidiu e, aínda hoxe continúa incidindo, de forma máis virulenta nos sectores sociais en situación de maior vulnerabilidade. O impacto da crise económica e de emprego, evidente en toda a sociedade, é moito maior nas persoas con discapacidade e nas súas familias.
 
FSIE considera que estes primeiros signos de recuperación da crise económica deben servir para axudar a integrar ás persoas con discapacidade, xa que estas e a súa contorna familiar presentan cotas de pobreza e exclusión social, mesmo en tempos de bonanza económica, moi superiores ás da media da cidadanía.
 
FSIE esixe ás administracións públicas un esforzo de investimento para garantir a atención ás persoas con discapacidade en ámbitos como a educación, o emprego, a sanidade, a autonomía persoal e a atención á dependencia, por citar só as áreas máis relevantes desde o punto de vista da inclusión.

 FaceBook Dia Mundial do Docente

Temos 101 anónimos e ningún membro en liña