Quen somos

A Federación de Sindicatos Independentes da Ensinanza de Galicia (FSIE-GALICIA) é unha organización sindical que nace aló polo 1985, sendo o seu ámbito de actuación a Comunidade Galega e intégrana:

SPE – Sindicato Profesional da Ensinanza (A Coruña).
 
SIELU – Sindicato Independente de Ensinanza de Lugo.
 
SIEO – Sindicato de Independentes da Ensinanza de Ourense.
 
ASIEPO – Asociación Sindical Independente da Ensinanza de Pontevedra.
 

Á súa vez, está integrada na FSIE (Federación de Sindicatos Independientes de Enseñanza del Estado Español), 1ª forza sindical, a nivel nacional, no sector da ensinanza privada.

A FSIE-GALICIA é unha organización sindical INDEPENDENTE dos Partidos políticos, das Organizacións patronais, do Goberno, das Administracións públicas e de calquera outra Entidade, Grupo ou Asociación allea ós intereses dos traballadores.
 
Formada, exclusivamente, por traballadores da Ensinanza Privada verdadeiros coñecedores do sector que loitamos pola defensa dos intereses dos profesores e mais do persoal de Administración e Servizos, así como pola LIBERDADE DA ENSINANZA.
 
A FSIE-GALICIA, vertebrada polos liberados, afiliados, delegados, candidatos, colaboradores e simpatizantes, vaise afianzando cada vez máis como primeira forza sindical na nosa Comunidade Autónoma. O que anos atrás podía ser visto como unha utopía, hoxe, para ledicia nosa, estase a converter nunha realidade.
 
Isto posibilita que a FSIE-GALICIA estea presente nas comisións autonómicas da Tripartita do Ensino Privado Concertado (CTEPC), nas de Concertos (na maioría das provinciais), de Gratuidade,..., así como tamén nas negociacións e posibles sinaturas dos distintos Acordos a acadar coa Administración autonómica que afecten á Ensinanza privada e ós seus traballadores: analoxía retributiva, incremento de Equipos docentes, acumulación das horas de lactancia, Paga de 25 anos...
 
En definitiva, a FSIE-GALICIA somos unha Organización na que todos os seus membros teñen como máxima “A IGUAL TRABALLO, IGUAL SALARIO” e como norte a consecución da DIGNIFICACIÓN SOCIAL E LABORAL de todos os traballadores da ensinanza privada.

Temos 22 anónimos e ningún membro en liña