Que nos cómpre

Unha organización sindical cómpre que estea viva. Esta vida, á que nos referimos, danlla os liberados, afiliados, delegados, candidatos e non afiliados (simpatizantes), cadaquén na súa xusta medida para que poida desenvolver a súa función principal que non é outra que A DEFENSA DOS INTERESES DOS TRABALLADORES, no caso concreto noso, os traballadores da ensinanza privada por ser éste o sector no que a FSIE-GALICIA tén a implantación, única e exclusivamente.

A FSIE-GALICIA quere poñer especial énfase no termo TRABALLADORES porque nel temos cabida todos, docentes e non docentes, aqueles que desenvolvemos o noso labor no sector da ensinanza privada. Por conseguinte, todos os mencionados anteriormente seremos copartícipes -nun maior ou menor grao, de acordo ó papel que cadaquén desenvolve na nosa Organización- na consecución das melloras que nos leven a acadar, por unha banda a pretendida igualdade ou analoxía, laboral e económica cos nosos homólogos da ensinanza pública e, por outra banda a dignificación da nosa profesión; en resumo, A IGUAIS CONDICIÓNS E OBRIGAS LABORAIS, IGUAIS CONDICIÓNS SALARIAIS.

De pouco ou nada serve que a FSIE-GALICIA tente loitar e batallar soa, por medio dos seus representantes, os liberados, se tras dela non tén un verdadeiro e significativo respaldo que faga dela a forza viva, á que antes faciamos referencia.
De aí a necesaria implicación do maior número posible de traballadores da ensinanza privada para que a nosa Organización acade unha meirande representatividade que a converta en imprescindible á hora de negociar as distintas reivindicacións perante as patronais e a administración.

Para iso cómprenos:

• A consecución do meirande apoio posible nas eleccións sindicais que leven á FSIE-GALICIA a obter un elevado número de Delegados, pois, en definitiva, serán estes os que determinen a nosa representatividade, antes mencionada, e, deste xeito, poder conquerir un maior peso específico en futuras negociacións.

• Coñecer, de primeira man, as inquedanzas e malestares que lles afecten ós traballadores do ensino privado, docentes e non docentes, e deste xeito poder axudarlles a solventalos, dado que o fin primeiro e último da nosa organización é o traballador do ensino privado con todo aquilo que o rodea.

• Unha maior colaboración, por medio dun incremento na afiliación, que posibilite custear as crecentes infraestructuras que a FSIE-GALICIA tén a día de hoxe, redundando todo iso, claro está, nunha mellor atención ó afiliado.
Mais, se ben, o número de afiliación está a medrar día a día, o cal nos debería facer sentir fachendosos, nembargantes, para que esta engranaxe non se pare cumpriría que todos aqueles que estamos a poñer a nosa confianza na FSIE-GALICIA, como verdadeira defensora dos nosos dereitos, non esquezamos que o xeito de que algo dea froito é sementar, sendo pois labor de todos irmos transmitindo e animando a outros compañeiros para que nos boten unha man e fagamos da FSIE-GALICIA unha organización sindical cada vez máis sólida.

• Facer valer o principio democrático que deberá estar sempre presente na nosa Federación, mediante a achega de suxestións por parte dos que formamos parte desta que nos axuden a mellorar todos aqueles aspectos que impidan unha evolución positiva da mesma.
 

Temos 112 anónimos e ningún membro en liña