FSIE 40 años

CartelA3 Dia Autismo 2 Abr 2021 gallego
A Federación de Sindicatos Independientes de Enseñanza celebra o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo sumándose unha vez máis a esta iniciativa promovida polas Nacións Unidas que pretende concienciar sobre as problemáticas que afrontan as persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA) e a importancia de integrar as súas capacidades na sociedade.

A pandemia mundial por Covid-19 tivo un grande impacto nos dereitos das persoas con TEA, máis de 450.000 no noso país segundo Autismo España. As restricións á mobilidade, a falta de información accesible e a suspensión da actividade lectiva presencial prexudicou enormemente a un colectivo con formas de aprendizaxe e metodoloxías de traballo diferentes á norma.
Coa campaña "Eu esfórzome, aprendo, traballo, comunícome" FSIE pon o foco na valía deste colectivo e fai un chamamento á sociedade no seu conxunto para fomentar o respecto e a integración das capacidades das persoas con autismo a fin de garantir o seu goce dunha vida plena e en igualdade de condicións.

Desde FSIE consideramos fundamental garantir o dereito deste colectivo a unha educación de calidade, específica e centrada na persoa, que favoreza o desenvolvemento integral do alumnado independentemente das súas necesidades de apoio, en igualdade de oportunidades e baixo principios de equidade e atención á diversidade. Para iso é imprescindible investir en novas metodoloxías de ensino que integren as oportunidades que nos brindan as novas tecnoloxías, impulsar a formación dos profesionais da educación, desde a atención temperá á universidade, e prestar especial atención ás necesidades de apoio do alumnado que se atopa actualmente en situacións de vulnerabilidade ou desvantaxe.

Para iso é fundamental que tanto as administracións públicas como os axentes sociais e políticos coloquen as necesidades das persoas con TEA entre as súas principais prioridades e adopten medidas inmediatas orientadas a mellorar o noso sistema educativo e a pór en marcha programas de emprego inclusivo que permitan aproveitar as oportunidades que as novas formas de traballo, incluído o teletraballo, xeraron para empregados que antes tiñan dificultades para prosperar en contornas laborais máis tradicionais.

FSIE, organización comprometida co sector da Atención a Persoas con Discapacidade, quere ademais reafirmar o seu compromiso de seguir traballando, desde o seu ámbito de actuación, pola igualdade e a inclusión co obxectivo de lograr unha sociedade disposta a escoitar, respectar e integrar totalmente as necesidades e capacidades das persoas con Trastorno do Espectro Autista.

 

 

 

 Banner Decalogo2

Temos 105 anónimos e ningún membro en liña